O proxecto Net4Food identifica os desafíos tecnolóxicos do sector alimentario en Galicia para poñer en marcha un laboratorio que lles dea resposta

Novas
  • A través dunha serie de obradoiros con empresas, o consorcio do proxecto está a identificar os principais retos e oportunidades do tecido empresarial alimentario en Galicia e Norte de Portugal
  • O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), que forma parte do proxecto Net4Food, liderou a realización do obradoiro en Galicia (Santiago de Compostela) o pasado 29 de maio
  • As empresas interesadas en aportar a súa visión para a definición do Iberian Foodtec Lab poden cubrir a enquisa habilitada para tal fin ata o vindeiro 21 de xuño

Identificar e priorizar os desafíos tecnolóxicos, as necesidades e as oportunidades do sector alimentario en Galicia foi o obxectivo do obradoiro organizado o 29 de maio en Santiago de Compostela polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e EOSA. A xornada permitiu compilar información que será posteriormente utilizada no proxecto Net4Food, no que participa Clusaga, e que servirá de base para que os servizos, competencias e instalacións do Iberian Foodtec Lab (IFL) estean aliñados coa realidade do tecido empresarial alimentario e os seus intereses.

O obradoiro desenvolveuse baixo unha estratexia de design thinking e contando coa participación dos asistentes. Así, permitiu identificar como principais desafíos a necesidade de aliñar a investigación coas prioridades das empresas; o desenvolvemento de novos alimentos saudables, sostibles e con altas posibilidades de éxito no mercado; a xeración de coñecemento crítico por parte de los consumidores; ou o desenvolvemento de novos materiais para envases sostibles, entre outros.

Ademais, as persoas asistentes cubriron un formulario co obxectivo de coñecer de primeira man o estado actual das empresas en termos de I+D+i, así como os potenciais servizos que poderían demandar ao IFL de Net4Food. Dita enquisa permanecerá activa ata o vindeiro 21 de xuño, facilitando que aquelas empresas con interese en contribuír á construción do IFL que non asistiron ao obradoiro, poidan expresar igualmente as súas necesidades e intereses por esta vía.

Asemade, realizarase o próximo 1 de xullo o obradoiro equivalente co sector alimentario do Norte de Portugal.

Desenvolvemento do obradoiro

Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga, deu a benvida aos asistentes ao obradoiro, que contou coas intervencións de Isabel Ferreira, profesora Coordinadora Principal e deputada na Asemblea da República de Portugal; Patricia Reboredo, investigadora Ramón y Cajal da Universidade de Vigo; e Lilian Barros, investigadora no Instituto Politécnico de Bragança e coordinadora do proxecto Net4Food. Estas deron paso á sesión de design thinking, despois da cal Patricia Fernández Liz, directora de área de Servizos na Axencia Galega de Innovación, clausurou a xornada.

Proxecto Net4Food

Net4Food, financiado por Interreg POCTEP, ten como obxectivo fortalecer as capacidades investigadoras e innovadoras do ecosistema alimentario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nel participan o Instituto Politécnico de Bragança (xefe de fila do proxecto), Clusaga, a Universidade de Vigo, o International Iberian Nanotechnology Laboratory, PortugalFoods, MORE – Laboratório Colaborativo Montanhas de Investigação e AquaValor CoLAB.

keyboard_arrow_up