Workshop do proxecto Net4Food en Braga: Construíndo as bases do Iberian FoodTech Lab

Noticias

Celebrouse en Braga o workshop “Construíndo as bases do Iberian FoodTech Lab” do proxecto Net4Food, unha iniciativa clave para identificar e abordar os principais retos do ecosistema alimentario na eurorrexión Norte de Portugal – Galicia. Este evento, coordinado por PortugalFoods, levouse a cabo nas instalacións do INL e contou coa participación activa de empresas, centros de investigación e organismos intermedios.

A xornada comezou cunha cálida benvida de Lorenzo Pastrana, director da área de investigación do INL, e Deolinda Silva, directora executiva de PortugalFoods. A continuación, Isabel Ferreira, profesora coordinadora principal e deputada na Asemblea da República Portuguesa, presentou un relatorio detallado sobre os desafíos que enfronta o sector alimentario na actualidade. Posteriormente, Lilliam Barros, Vice-coordinadora do Centro de Investigación de Montaña (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança, expuxo os obxectivos, actividades e resultados esperados do Proxecto Net4Food.

Un dos momentos máis destacados do día foi o taller de identificación de retos tecnolóxicos. A través dunha metodoloxía de design thinking, os participantes, provenientes de diversas empresas e centros de investigación, traballaron en conxunto para analizar os principais problemas do sector, explorar recursos para enfrontalos e valorar os beneficios para o ecosistema alimentario.

Os desafíos máis valorados polos participantes para sentar as bases do Laboratorio Ibérico de Investigación Alimentaria foron:

  1. Axudar ao consumidor para cambiar o seu comportamento alimentario cara unha alimentación máis saudable e sostible
  2. Apoiar ás empresas no escalado de novos produtos mediante unha validación técnica, económica e social do produto
  3. Axilizar os procesos de certificación de novel foods
  4. Crear un selo de calidade que se difunda ao público xeral (consumidores)
  5. Favorecer que o consumidor identifique alimentación e saúde
  6. Mellorar a comunicación entre empresas e centros de investigación para favorecer a transferencia de coñecemento da academia á industria
  7. Robotizar plantacións para mitigar a falta de man de obra
  8. Dotar de potencial de valorización aos subprodutos
  9. Identificar as especies vexetais con maior importancia para o territorio ibérico

Así, a xornada concluíu co compromiso de todos os participantes para traballar xuntos na construción dun futuro alimentario máis sostible e saudable para a eurorrexión Norte de Portugal – Galicia.

keyboard_arrow_up